Recuncho de relax no Barreiro

Localización: O Barreiro (Lira)

Autoría: Salvatore Parisi

Resumo do proxecto:
O obxectivo principal deste proxecto é crear, dentro dun espazo público pouco atractivo, unha zona multifuncional para uso e gozo da veciñanza, un recuncho acolledor e tranquilo que invite a permanecer  nel, que sirva para reunirese, falar ou, simplemente, atopar relax.
Na actualidade, a zona presenta un aspecto insípido e opaco, a pesar da presenza dalgúns elementos vexetais de bo porte. As bonitas vistas cara a un conxunto de hórreos cos tellados e o mar ao fondo, así como o intrínseco recollemento do lugar, son motivos suficientes para que o transeúnte se deteña. Porén, coa introdución  dunha maior variedade de especies vexetais e uns sinxelos elementos funcionais de mobiliario urbano, o espazo pode gañar en atractivo.
Este proxecto desenvolverase en torno a dous compoñentes principais:
  • A selección de especies capaces de conferirlle interese ao conxunto ao longo de todo o ano: romperase a monotonía de metrosideros e tuias con plantas de folla contrastante, de floración vistosa, que marquen o paso das estacións e que teñan un maior valor sensorial, tanto a nivel olfactivo como visual. A falta de solo obriga a utilizar plantas aptas para contedores e capaces de prosperar sobre poucos centímetros de terra.Para obviar a custosa instalación dun sistema de rega, utilizaranse especies normalmente empregadas en xeroxardinaría, que poden resistir longos períodos de seca. A ampla franxa de terreo abandonado entre o muro e a escarpada aproveitarase como parterre de flores silvestres obtidas a partir de semente e capaces de crear en masa un efecto escénico de grande impacto.
  • O deseño e a construción de elementos funcionais de mobiliario urbano: realizaranse uns bancos de deseño sinxelo para sentarse con cubos complementarios e unhas xardineiras a diversas alturas, que permitan a introdución de plantas e que transmitan sensación de movemento. Todos os compoñentes construiranse con madeira reciclada e pintaranse dunha cor viva e atrevida, que lle confira brío e un certo toque vangardista ao espazo.
O autor resalta o alto valor paisaxístico desta proposta, así como a súa total sustentabilidade, dado o seu baixo custo de realización, o seu reducido mantemento e o seu indiscutible beneficio social.

Imaxe da situación previa ás actuacións:








 

Ningún comentario:

Publicar un comentario