sábado, 14 de xuño de 2014

Fallo do xurado cualificador do II Concurso de Embelecemento de Contornos e Espazos Públicos e Privados do Concello de Carnota



Esta mañá, o xurado cualificador do II Concurso de Embelecemento de Contornos e Espazos Públicos e Privados do Concello de Carnota, reuniuse na Casa do Concello para emitir o seu fallo.

Trala análise dos diferentes proxectos e logo das preceptivas valoracións, o xurado decidiu outorgar un premio compartido aos proxectos "Recuncho de relax no Barreiro", presentado por  Salvatore Parisi, e "Acondicionamento do contorno da fonte de Martiaño", presentado pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lira.

Nos dous casos o xurado valorou especialmente a contribución particular para a mellora dun espazo público, en beneficio da veciñanza e dos visitantes.

No caso do "Recuncho de relax no Barreiro", o xurado valorou moi positivamente a mellora dun espazo que, tendo unhas fermosas vistas e unha boa orientación, carecía totalmente dun mobiliario urbano que invitase a deterse e pasar un tempo de relax nel. A actuación desenvolvida no Barreiro (Lira) presenta, segundo o criterio do xurado,  un mobiliario urbano sinxelo e orixinal, feito a man e con materiais de refugallo: un banco unha cadeira cómoda e colorida, aparcabicis e maceteiros e xardineiras coas súas correspondentes plantas e flores, creando un espazo agarimoso que invita a permanecer nel. Así mesmo, o xurado quixo resaltar a combinación, nesta actuación, de conceptos de lecer, deporte, reciclaxe e convivencia, ofrecendo un valioso exemplo de contribución individual e xenerosa para o ben da comunidade.


No tocante ao proxecto “Acondicionamento do contorno da fonte de Martiaño”, o xurado fixo fincapé na positiva repercusión da intervención realizada, nun espazo natural de grande valor paisaxístico, situado á beira da Senda Verde, que une o Ancoradoiro con Louredo, frecuentada por sendeiristas a pé, en bicicleta ou a cabalo. O xurado valorou, neste caso, os traballos de limpeza de maleza e poda de árbores, que fan máis visible a impresinante paisaxe da praia de Carnota e do Monte Pindo. Así mesmo, valorou especialmente a plantación de árbores autócnotas (castiñeiros e carballos), polo de agora moi pequenas pero que poden mellorar moito a contorna co paso do tempo, así como a colocación de elementos sinxelos e integrados no medio natural (un comedeiro e casas de madeira para paxaros, un bambán ou un panel explicativo sobre o aproveitamento do monte). Segundo o xurado, este proxecto cumpre o propósito inicial de poñer en valor o monte comunal e mantelo para desfrute de todos e como responsabilidade de todos.


Ambos os proxectos recibirán cadanseu premio de 500 €. O acto de entrega de premios terá lugar o 26 de xuño de 2014, ás 13:00 h, no salón de actos do Concello de Carnota.


Acta do fallo do xurado

Ningún comentario:

Publicar un comentario